Benvida

02.02.2013 12:10

O Movemento Compostelán en Defensa do Ensino Público pretende ensanchar, máis aínda, o espazo no que nos movemos todos os membros da comunidade educativa pública: o ensino.

Aquí estamos pais, nais, titores, titoras, profesores e profesoras do alumnado deste país; quen sempre debéramos estar xuntos, para pelexar por unha realidade que semellaba que só tiñamos que consolidar,  mais agora tristemente temos que defender, porque hai intereses económicos  polos que algúns están dispostos a acabar co futuro dos nosos fillos e fillas, das nosas xeracións futuras. Trátase de sectores da sociedade interesados en  mercantilizar aquilo que é un dereito, cando os dereitos non deben ser  nunca moeda de cambio, moito menos cando os seus titulares son aqueles a quen debemos educar, guiar, protexer e defender.

E, como fan falta todos os que pelexen polo ben común, pensamos que podedes entrar nesta nosa páxina, utilizala, colaborar con nós, corrixirnos se é preciso e acompañarnos na defensa do mellor que temos: o dereito a unha educación en condicións de igualdade, integradora, plural, laica e galega; na que todos os nosos fillos e fillas atopen os instrumentos para formarse como cidadáns críticos ao tempo que desfruten aprendendo, porque só así, cando sexan adultos, poderán colaborar na construción dunha sociedade plural, integradora e democrática.